Marín unirase ao segundo plan de axudas da Xunta para a hostalería

Marín
26 de febreiro 2021

Na primeira fase das axudas autonómicas repartíronse 253.650 euros na vila dirixidas a 150 solicitudes presentadas

Marín unirase á segunda fase do plan de axudas da Xunta á hostalería
Marín unirase á segunda fase do plan de axudas da Xunta á hostalería / Concello de Marín

O Concello de Marín traballa no seu propio plan de hostalería segura. O goberno local comprométese a levar un rigoroso control para o cumprimento da normativa que regula un mázimo do 50 % do aforo nas terrazas e a distancia de seguridade entre persoas. 

A alcaldesa María Ramallo visitou este venres a carpa do cribado que se está realizando na vila e aproveitou para pedir aos veciños e visitantes "responsabilidade, especialmente para este primeiro fi de semana de levantamento parcial das restricións".

No referido á situación económica do sector, a rexedora adianta que Marín sumarase ao plan de axudas da Xunta que encara xa a súa segunda fase despois de repartir 253.650 euros en 150 solicitudes procedentes da vila marinense. Con todo, Ramallo lamenta a falta de coordinación entre administracións para conceder axudas dunha forma máis áxil e efectiva. Con este obxectivo ten previsto unha reunión coa directiva de Hoempo o vindeiro martes.