Marín xa ten proxecto para restaurar o palco de música

Marín
06 de xuño 2026

A actuación inclúe a reparación da cuberta, a limpeza da pedra e a reparación de fisuras existentes. O seguinte paso será iniciar a licitación e solicitar a autorización a Patrimonio

Palco de música de Marín
Palco de música de Marín / Concello de Marín

O proxecto de restauración do palco de música de Marín xa é unha realidade.

A actuación contará cunha base de licitación de 39.924,71 euros, sen IVE, e permitirá iniciar en breve o proceso de contratación das obras.

O obxectivo da intervención é garantir a conservación deste elemento catalogado, mellorar o seu estado e asegurar a súa protección para as próximas xeracións, tras detectarse diversas deterioracións derivadas do paso do tempo.

O proxecto inclúe a reparación integral da cuberta, co desmonte dos seus elementos, a eliminación do óxido na estrutura metálica e a substitución de pezas de madeira da subestructura e do falso teito.

Tamén se contempla a limpeza da pedra e a reparación das fisuras existentes.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou a importancia desta actuación, para a que o Concello levaba meses buscando financiamento.

"O palco de música é unha das imaxes máis reconocibles da nosa Alameda, pero ademais tamén é un espazo que usamos moito para actividades, así que tiñamos moitas ganas de poder actuar na súa reforma, coa que garantir a súa conservación e a seguridade no seu uso", afirmou.

O seguinte paso será iniciar a licitación das obras e solicitar a correspondente autorización a Patrimonio, contando xa co visto e prace da Consellería de Cultura para a súa execución.

Doutra banda, o municipio continúa avanzando na recuperación do Templo Vello, no que está a actuar a Xunta de Galicia por fases.

En etapas anteriores actuaron sobre os problemas de humidades, restauraron a fachada e retiraron simboloxía franquista. Ademais, o Concello destinou 40.000 euros á restauración da Torre do Reloxo.

Agora, a Xunta anunciou unha terceira fase de intervención, centrada no interior do templo, que contará cun investimento de 155.888 euros.