Marisol Samartín Ucha, nova subdirectora de Prestación Farmacéutica da Área Sanitaria

Pontevedra
03 de febreiro 2025

A nova subdirectora, que conta con ampla experiencia no Sergas, substitúe a Nuria Iglesias Álvarez, quen asumiu a dirección do distrito sanitario do Salnés en decembro

Marisol Samartín Ucha
Marisol Samartín Ucha / Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de completar o seu equipo directivo coa designación de Marisol Samartín Ucha como nova subdirectora de Prestación Farmacéutica.

O nomeamento foi publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 30 de xaneiro por orde da Consellería de Sanidade.

Samartín Ucha toma o cargo de Nuria Iglesias Álvarez, quen desempeñou este posto desde maio de 2022 ata a súa recente promoción como directora do distrito sanitario do Salnés.

Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, con Premio Extraordinario de Licenciatura, a nova subdirectora tamén é especialista en Farmacia Hospitalaria e doutora en Farmacia pola Universidade de Vigo.

A súa traxectoria profesional estivo ligada ao Servizo Galego de Saúde desde 2006, cando iniciou a súa formación como residente no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Durante os últimos anos, exerceu como coordinadora de Calidade e Sustentabilidade do Servizo de Farmacia Hospitalaria da Área Sanitaria de Vigo.

Ademais, desenvolveu a súa actividade en ámbitos como a atención farmacéutica en Urxencias e Cardioloxía, así como na xestión do gasto farmacéutico no concerto co Hospital Povisa.

A nova subdirectora mantivo unha intensa actividade investigadora dentro do sistema público de saúde, con máis de 40 comunicacións en congresos nacionais e internacionais, unha vintena de publicacións en revistas científicas e a autoría de varios capítulos en libros especializados.

No eido da formación, foi titora de residentes de Farmacia Hospitalaria e de alumnado en prácticas do Grao en Farmacia. Así mesmo, participou en proxectos innovadores como Innova Saúde e Hospital 2050, e colaborou na certificación de calidade ISO 9001:2015 do Servizo de Farmacia Hospitalaria da Área Sanitaria de Vigo.

Fóra do ámbito institucional, forma parte do Grupo de Traballo RedFaster da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria e do Grupo de Auditores Externos desta sociedade científica sobre a Norma de Certificación de Pacientes Externos (Q-PEX).