Relevo inesperado na Consellería do Mar. O cambio é debido á dimisión de Alfonso Villares, que estaba á fronte deste departamento desde 2023, despois de que fora denunciado pola presentadora Paloma Lago por agresión sexual.
A súa substituta será Marta Villaverde Acuña, que ata o de agora era directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, cargo ao que chegou tras desempeñar varias responsabilidades dentro do departamento de Mar do goberno galego.
A nova conselleira, que naceu en 1975 en Vilaboa, tomará posesión xa este xoves 5 de xuño, ás nove e media da mañá, no Pazo de Raxoi.
Licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, Marta Villaverde é funcionaria de carreira do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, dende 2006.
Ademais traballou até novembro de 2012 como inspectora veterinaria de saúde pública nos servizos centrais da Consellería de Sanidade.
Villaverde desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional vinculada ao sector primario galego, tanto no sector do mar como no medio rural, ocupando traballos como facultativa veterinaria, en seguridade alimentaria ou en inspección pesqueira.

VILLARES, QUE ASEGURA SER "INOCENTE", DIMITE PARA "DEFENDERME"
O xa ex conselleiro do Mar compareceu en rolda de prensa en Santiago, onde explicou que a súa dimisión está motivada no feito de intentar que este caso, que sitúa nunha "esfera estritamente persoal", non afecte á Xunta de Galicia ou aos seus compañeiros de goberno.
"Son circunstancias da vida privada dunha persoa e non quero que enturbien o máis mínimo a confianza da xente nas institucións", afirmou Alfonso Villares.
Villares asegurou que dimite para comparecer ante a xustiza e defenderse "como calquera outro cidadán", a pesar de insistir que é "totalmente inocente".
A denuncia foi presentada o pasado mes de xaneiro nun xulgado de Ferrol e os feitos, segundo relata a vítima, ocorreron días antes, o 27 de decembro de 2024.