Más País, o novo partido de Íñigo Errejón, presentará lista por Pontevedra o 10-N

Pontevedra
27 de setembro 2019

Unha nova candidatura presentarase pola provincia de Pontevedra na repetición electoral que nos levará a todos os españois ás urnas o próximo 10 de novembro. Trátase de Más País, a nova plataforma política que encabeza Íñigo Errejón

Ínigo Errejón
Ínigo Errejón / Podemos

Unha nova candidatura presentarase pola provincia de Pontevedra na repetición electoral que nos levará a todos os españois ás urnas o próximo 10 de novembro. Trátase de Más País, a nova plataforma política que encabeza Íñigo Errejón.

Así figura no documento asinado por Máis País e por Equo, que se presentarán en coalición en todas aquelas provincias que repartan sete ou máis deputados.

É o caso, por tanto, da Coruña e Pontevedra en Galicia, que están representadas no Congreso por oito e sete deputados respectivamente.

A coalición descarta presentarse en provincias pequenas porque, dese xeito, respéctase a proporcionalidade do voto e evitan restar posibilidades ao bloque progresista.

En Pontevedra haberá, por tanto, unha nova opción política para os votantes da esquerda, que se sumarán a PSOE, Galicia en Común, BNG e -probablemente- En Marea se é que o partido de Luís Villares non alcanza un acordo con Errejón para concorrer xunto a eles.

Por agora descoñécese o nome das persoas que estarían á fronte desta nova candidatura.

Ademais, Partido Popular, Cidadáns e Vox tamén repetirán candidatura e, a falta de confirmación, espérase que a oferta electoral inclúa algunha formación política que xa se presentou tamén ás pasadas eleccións xerais de abril.