Masa Crítica promove unha pedalada nocturna para fomentar o uso da bicicleta

Pontevedra
26 de xuño 2013

A marcha partirá ás 21:00 dende a Praza da Peregrina. Efectivos da Policía Local explicarán aos asistentes os disposivos necesarios para que un ciclista poida circular de noite

"Queima graxa, non gasolina". Con ese lema o colectivo Masa Crítica Pontevedra organiza este xoves 27 de xuño unha pedalada nocturna que partirá da Praza da Peregrina ás 21:00 horas.

A iniciativa, que se repite o último xoves de cada mes, pretende ademais de fometar o uso da bicicleta impulsar a súa boa práctica, como circular sempre pola calzada e evitar as beirarrúas, como recoñece un dos seus organizadores, Enrique Pérez: "cantos máis ciclistas vaian pola calzada máis seguro é para todos, incluidos os peóns. Non llo podemos pedir a menos de 12 anos pero para o resto a calzada é o seu lugar".

O colectivo instalará un punto de información ás 19:30 na Praza da Peregrina e tras realizar un paseo pola cidade dende as 21:00, a partir das 22:00 horas desenvolverase unha ruta nocturna coa colaboración da Policía Local, que explicará aos asistentes os dispositivos de sinalización necesarios para que os ciclistas poidan circular pola noite.

Pola súa banda, o Concello centra o seu apoio na pedalada no obxectivo de estender o uso da bicicleta na cidade, tal e como defendeu o concelleiro Miguel Filgueira: "trátase de fomentar o uso nocturno da bicicleta co obxectivo de que cada vez sexan menos os coches que circulen pola cidade".