Pontevedra estivo presente na estrea da novena tempada de Masterchef. Aínda que, nesta ocasión, non a través dun dos seus concursantes. O primeiro chef convidado ás cociñas do concurso gastronómico de TVE foi o responsable de Casa Solla, Pepe Solla.
El foi o encargado de mostrar como se traballa cun produto que, nos nove anos de emisión do programa, non utilizaran nunca: a lamprea.
Os concursantes, entre caras de sorpresa e certo desagrado, enfrontáronse a unha lamprea viva que tiveron que guisar de maneira tradicional, no seu propio sangue. "Me quiero morir", chegou a sinalar unha das aspirantes, mentres trataba de dominar ao animal.
Como mostra do cociñado, Pepe Solla exhibiu dous preparados: a lamprea guisada á bordalesa, con arroz e costrón de pan; e lamprea con venado, unha combinación que segundo o cociñeiro funciona porque é o único peixe que se cociña como peza de caza.
Ademais de divulgar as características e os preparados máis habituais deste peixe azul, os responsables do programa ofreceron a posibilidade aos concursantes de que aprendesen a limpar a lamprea seguindo as indicacións do chef invitado.
Así, Solla foi guiando paso a paso aos aspirantes no proceso para desangrar o peixe, cortalo ou recuperar o seu fígado para darlle un maior sabor aos seus guisos. A axuda non quedou aí, senón que tamén lles foi aconsellando durante o cociñado.
Iso si, o resultado de (case) todos foi bastante mellorable. Só dúas das aspirantes recibiron boas palabras por parte dos xuíces.
