Matinsa comezará o 1 de xuño a xestión do servizo provincial de intervención en emerxencias

Pontevedra
26 de abril 2013

A empresa adxudicataria inclúe melloras no servizo que van desde o incremento de persoal e material, ata a posta en marcha de aplicacións informáticas de xestión operativa. A rebaixa no custe de prestación do servizo permitirá que a Deputación Provincial financie obras de reforma das instalacións dos parques

O vindeiro un de xuño é a data na que a empresa Mantenimiento de Infraestructuras S.A. Matinsa comezará a xestionar o Servizo Público de Xestión de Emerxencias provincial. Así figura no contrato asinado este venres no Pazo Provincial entre o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o representante da empresa, Miguel Cañadas.

O contrato, o de maior contía económica que executa a Administración Provincial, ascende a 21 millóns euros para o período de vixencia do contrato, que é de 8 anos, prorrogables por períodos de 3 anos e ata un máximo de 14. Os pagamentos mensuais serán de 219.368,11 euros (2.632.417,34 euros cada ano).

O servizo, que dará cobertura á boa parte da provincia de Pontevedra a través dos parques de bombeiros de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, será obxecto de diversas melloras, unhas ofertadas pola propia empresa dentro da oferta coa que resultou adxudicataria, e outras que financiará a Deputación Provincial grazas ao aforro que suporá o novo modelo de xestión dos parques de bombeiros e que o presidente provincial cifrou en 150.000 euros ao ano.

As melloras que aplicará a empresa adxudicataria refírense ao incremento de medios humanos e materiais, a maior cobertura das pólizas de seguros, deseño e aplicación de plans de intervención e de programas operativos de xestión do servizo ou ao incremento da formación do persoal.

Así, haberá catro bombeiros-condutores máis a tempo completo e outros catro máis a tempo parcial, dotarase ao servizo dun vehículo de extinción autobomba a maiores e de dous equipos de excarceración máis.

En canto ao Plan de Intervención, incluirá un estudo xeográfico-poboacional da zona de cobertura dos parques, estudo de riscos e de isócronas e a análise dos medios de emerxencias existentes, en base aos cales se elaborarán protocolos de intervención, plans de mantemento dos edificios e instalacións dos parques de bombeiros e plans para o mantemento e substitución de vehículos. A maiores, a empresa oferta 13.120 horas máis ao servizo do consorcio cada ano.

Pola súa banda, a Administración provincial ten previsto realizar numerosas obras de reforma e reparación nas instalacións dos parques de bombeiros. Un investimento que será posible grazas ao gran aforro que se conseguirá con este novo modelo de xestión.