O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou este martes o municipio como destino na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid a través da campaña 'Combarro-Poio: Pueblo Mágico'.
Como xa se anunciara, Poio centra este ano a súa promoción en Combarro, unha vila da que Moldes resaltou que "é maxia", un feitizo que fai que "o tempo pareza terse detido".
A campaña presentouse no stand de Pueblos Mágicos de España e contou coa presencia do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e da concelleira de Turismo, Rocío Cochón.
Ángel Moldes destacou que a vila mariñeira é "unha das máis emblemáticas e visitadas de Galicia" e forma parte de algo moito maior: "Poio, un lugar único en pleno corazón das Rías Baixas".
De Poio destacou Moldes en Fitur que é "un destino completo, diverso e único, para desconectar, vivir experiencias auténticas e deixarse levar por paisaxes máxicos".
"Poio é máis que un destino, é unha emoción que se sinte e se vive", destacou, ao tempo que se proxectou un vídeo promocional con imaxes de Combarro e de distintos recursos turísticos do municipio.
Na súa intervención, o alcalde puxo en valor todas as experiencias que calquera visitante pode vivir sen saír do municipio os 365 días do ano e destacou que "todo convive de forma harmónica".
Do resto de parroquias de Poio destacou que "xuntas conforman un destino completo e diverso", con máis de 20 praias e calas, a natureza e o Bosque de Colón, os sendeiros azuis, o liderado gastronómico ou as variantes xacobeas.
Mencionou, ademais, as vilas mariñeiras, a illa de Tambo e unha axenda cultural activa, unha ampla oferta de ocio e deporte e unha aposta polo turismo natural e sostible.
Poio ten un espazo promocional permanente instalado polo Concello na avenida principal do recinto, á entrada do Pavillón 7, xunto ao stand de Galicia.

Ao longo da xornada, Moldes e Cochón asistiron aos actos organizados por Turismo de Galicia, a Deputación de Pontevedra e outras institucións no pavillón de Galicia, e mantiveron contactos con empresas e profesionais nacionais e estranxeiros.
A axenda continuará o xoves 22. A concelleira Rocío Cochón manterá distintas reunións e actividades, como a presentación da campaña de Turismo Rías Baixas: 'A túa meta, o teu destino'.