"Máxima preocupación" na Autoridade Portuaria ante o posible peche de ENCE

Pontevedra
22 de xullo 2021

O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, considera que a situación é "sumamente seria", xa que un posible peche da factoría sería un "importante pau" para o tecido industrial e económico da comarca e provocar consecuencias "realmente nefastas" para o futuro desta área metropolitana

Terminal cuberta de Ceferino Nogueira no Porto de Marín
Terminal cuberta de Ceferino Nogueira no Porto de Marín / Mónica Patxot

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, expresou a súa "máxima preocupación" polas consecuencias que pode carrexar a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga á fábrica de Ence.

Considera que a situación é "sumamente seria", xa que un posible peche da factoría sería un "importante pau" para o tecido industrial e económico da comarca de Pontevedra e provocar consecuencias "realmente nefastas" para o futuro desta área metropolitana.

Tras mostrar a súa solidariedade polo momento "de intensa angustia e incerteza" que atravesan os traballadores, Suárez Costa lembrou que os efectos desta decisión serían maiores "nun contexto de profunda crise como o que estamos a atravesar".

"Non son só os postos de traballo directos en fábrica. Hai moitas actividades auxiliares e de transportistas no porto e na comarca que dependen case exclusivamente de Ence e é algo que pode ser irrecuperable", sinalou o presidente da Autoridade Portuaria.

O tráfico de pasta de papel de Ence supón, segundo o máximo responsable do porto de Marín, máis de 100 barcos ao ano e 120 movementos de camión por cada barco. Ademais o porto conta cunha infraestrutura única en España destinada a esta actividade, a terminal cuberta ou AWT que ten en concesión a empresa Grupo Nogar, outra das principais creadoras de emprego no recinto portuario.

Suárez Costa defendeu que Ence fabrica en Pontevedra un produto de "primeira calidade" que é "altamente valorado" polos fabricantes de papel europeos e para o porto de Marín, engadiu, é unha mercadoría "estratéxica" e se un eventual peche provoca que se perda ese tráfico, "moitas outras cousas van estar en xogo".

O presidente da Autoridade Portuaria sinalou que a fábrica pasteira exporta a totalidade da súa produción, unha media de 400.000 toneladas ao ano, por este porto pontevedrés, para o que este movemento supón o 19% do tráfico total e un 60% do tráfico de mercadoría xeral convencional, "a non contenerizada".

"A razón de ser dun porto de interese xeral é a importación e exportación de produtos para a industria situada no seu hinterland ou área de influencia. Sen industrias non hai portos e sen emprego industrial non hai futuro en Pontevedra para a xente nova", sentenciou.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en