O lugar de Faxín, en Dena, é o lugar elixido polo goberno municipal de Meaño para construír unha pista de pump track no municipio. O investimento previsto é de 49.000 euros.
Será un circuíto formado por curvas estreitas e desniveis de diferentes alturas. Alí poderán divertirse profesionais e afeccionados aos deportes de táboas.
Así, estará deseñado para andar en monopatín, patinetes, patinaxe e tamén en bicicleta.
A de Faxín será unha pista que terá uns cen metros de longo por dous de ancho e está situada nunha zona de lecer, practicamente no núcleo urbano de Dena, con fácil accesibilidade e aparcamento.
"A nosa idea é combinar unha acción verde coa transformación deste espazo nun circuíto seguro pensado para ser utilizado tanto por nenos como por adultos", segundo avanzou o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez.