Meaño recupera a cobertura sanitaria con tres médicos nos seus dous centros de saúde

O Salnés
17 de marzo 2021

Desde o Concello lembran ao Sergas que aínda falta por repoñer a praza vacante no servizo de pediatría

Concentración para reclamar persoal para o Centro de Saúde de Meaño
Concentración para reclamar persoal para o Centro de Saúde de Meaño / Concello de Meaño

Os centros de saúde de Meaño recuperaron efectivos normalizando a atención médica, segundo confirmou o Concello.

En concreto o Servizo Galego de Saúde dotou de tres médicos de atención primaria aos dous centros de saúde do municipio. Trátase dunha doutora interina que permite restablecer de maneira estable no centro de saúde de Dena, mentres que o centro de saúde de Meaño continúa cunha dotación de dous médicos.

Recupérase desta forma a praza perdida pola xubilación o pasado verán dun dos doutores.

A alegría de todos os xeitos non é completa, e é que desde o Concello de Meaño lembran que "seguimos sen pediatra, cunha praza pendente de cubrir. E a Consellería sabe que non imos renunciar a ese dereito", sinala o alcalde, Carlos Viéitez.

Esa praza de pediatría para o centro de saúde de Meaño motivou en datas recentes diversas reivindicacións públicas.