Medio Ambiente adxudica a obra para humanizar os accesos á igrexa de San Pedro de Tenorio

Cerdedo Cotobade
06 de xuño 2017

A actuación será realizada por Arines Obras y Proyectos por unha cantidade de preto de 70.000 euros e o prazo de execución é dun mes a partir do inicio dos traballos

Igrexa de San Pedro de Tenorio
Igrexa de San Pedro de Tenorio

A Consellería de Medio ambiente adxudicou a obra de humanización, mellora de accesos, pavimentación e formación de beirarrúas no acceso á igrexa de San Pedro de Tenorio por unha cantidade de preto de 70.000 euros.

A obra será realizada por Arines Obras y Proyectos, ao tratarse da proposta máis vantaxosa e cun prazo de execución máis breve. Os traballos realizaranse nun mes a partir do seu inicio.

Este investimento, segundo expón o Concello de Cerdedo-Cotobade, atópase no Plan Hurbe de mellora de espazos urbanos da Xunta de Galicia. A actuación beneficiará ao Mosteiro de Tenorio e ao Vía Crucis do Campo da Feira. 

Contémplase o empedrado de toda a rúa para mellorar a imaxe, a rehabilitación do pavimento e a colocación de baldosa hidráulica para recuperar esta zona para as persoas, ademais da renovación dos servizos e a creación dun espazo de lecer.

Jorge Cubela, presidente de Cerdedo-Cotobade, destaca os importantes investimentos realizados pola administración autonómica coa mellora do colexio público e a futura construción da rede e servizo de saneamento.