Algo máis de 359.000 euros vanse investir na reforma urbana da rúa da Estrada, en Marín, unha vía situada entre as rúas de Méndez Núñez e Concepción Areal. Será a través dun convenio que Medio Ambiente vén de asinar co Concello para que ambas administracións asuman o custo desta humanización.
Será con cargo ao Plan Hurbe da Xunta, segundo trasladou o goberno galego tras a sinatura do acordo entre a conselleira Ángeles Vázquez e mais a alcaldesa María Ramallo.
A Xunta comprométese a asumir o 70% do custo da actuación e o Concello a achegar o 30% restante. Concretamente, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé unha achega de 251.361 euros en 2020 e o municipio, de 107.726,15 euros.
Esta actuación de reurbanización e humanización incidirá nun tramo desta vía, unha das máis frecuentadas do núcleo urbano xa que está ao carón do Concello, alberga a sede da Policía Local e ten moi cerca dous centros escolares.
A súa fisionomía, dun ancho medio actual en torno aos 11 metros, incluíndo o estacionamento nas dúas beiras, caracterízase polas beirarrúas estreitas. A reordenación do vial basearase na eliminación dun dos carrís de estacionamento, concretamente o da marxe esquerda, gañando desta forma espazo para aumentar as beirarrúas.
Desta maneira, as beirarrúas pasarán a contar cunha amplitude de 2.70 metros en ambas marxes. A calzada tamén contará con 3.30 metros de espazo, cun único carril de circulación, respectando o actual fluxo rodado do viario.
Por outra banda, os actuais servizos municipais que discorren pola rúa, como son o abastecemento e a rede de saneamento separativa están "en moi mal estado de conservación e funcionamento", segundo indica o informe técnico do proxecto.
Desta forma, a humanización servirá para renovar toda a canalización, así como os elementos do alumeado público, que tamén presentan un mal estado e contan con luminarias de baixa eficiencia enerxética.
A obra, que forma parte deste plan para acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, sairá a licitación nos próximos días.
Con cargo a este Plan Hurbe, executáronse en 2018 as obras de humanización da Travesía Jaime Janer, cun custo de 149.719,16 euros.