Medio Ambiente licita as obras da rede de sumidoiros nos lugares de Pereiro e Cadrelo en Marín

Marín
18 de marzo 2015

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a esta actuación, cuxo prazo máximo de execución é de 4 meses, dispoñen ata o 17 de abril

Parroquia de Santo Tomé de Piñeiro (Marín)
Parroquia de Santo Tomé de Piñeiro (Marín)

Augas de Galicia licitou o contrato de obra pública para iniciar no mes de abril as obras de saneamento de Pereiro - O Pozo na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro no Concello de Marín. Non se trata da única obra, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita tamén as obras de saneamento de Pereiro - Cadrelo por unha cantidade de 530.000 euros.

Estas actuacións están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello de Marín, pola que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e do que xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.

Na área do Pereiro executarase un colector cunha lonxitude de case 300 metros, que é a prolongación da rede Pereiro - O Pozo e tres ramais. Na Área de Cadrelo execútanse dous novos ramais cunha lonxitude de 530 metros e unha estación de bombeo e unha impulsión.

A estación de bombeo construirase en formigón armado. Estará dotada con dúas bombas mergulladas cunha cámara de válvulas.

Por outra banda, as obras da rede de rede de sumidoiros en Pereiro - O Pozo terán un importe de 522.000 euros e serán executadas pola empresa Sevitec Medioambiente para que inicie os traballos a partir de abril. As obras consisten na instalación de case un quilómetro de colectores por gravidade e dous bombeos.