Medio Ambiente mellora a xestión de residuos en catro municipios do Salnés

O Salnés
23 de febreiro 2021

A Consellería achega 463.600 euros aos concellos de Cambados, Vilagarcía, O Grove e Valga en accións relacionadas coa recollida de voluminosos, a xestión da fracción orgánica ou o desenvolvemento da compostaxe

O delegado da Xunta en Pontevedra, Luís Lopez, comproba a mellora na xestión de residuos en Cambados
O delegado da Xunta en Pontevedra, Luís Lopez, comproba a mellora na xestión de residuos en Cambados / Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente financia accións municipais de xestión de residuos en Cambados, Vilagarcía de Arousa, O Grove e Valga cun investimento de 463.645 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, estiveron este martes en Cambados, acompañados pola alcaldesa Fátima Abal, para supervisar as aportacións realizadas pola consellería relacionadas coa recollida de voluminosos (70.000 €), a xestión da fracción orgánica (72.051 €) e o desenvolvemento da compostaxe (59.005 €). Cambados é o concello máis beneficiado da comarca cunha percepción de 201.056 euros para a mellora da xestión municipal de residuos.

En canto ás concesións realizadas á comarca do Salnés no marco desta liña de axudas, hai un total de catro concellos beneficiarios que recibirán 463.645 euros para o desenvolvemento de accións de competencia municipal vinculadas á xestión de residuos e que inclúen a dotación de dous puntos limpos móbiles, en Cambados e Vilagarcía de Arousa, para facilitar o depósito de voluminosos e grandes residuos por parte da poboación grazas ás posibilidades que ofrecen estas infraestruturas pola súa itinerancia.

Medio Ambiente outorgou 165.495 euros a Vilagarcía para o citado punto móbil e os tratamentos da fracción orgánica, 59.800 euros a Valga para a implantación da compostaxe e 37.294 euros ao Grove para a xestión dos residuos do contedor verde.