Medio Ambiente quere promover a pesca fluvial a través das escolas de río

Cerdedo Cotobade
21 de xuño 2021

Ángeles Vázquez visitaba este luns o IES de Cotobade e afirmaba que a xuventude galega ten en David Arcay, catro veces campión do mundo de pesca a mosca, un referente para practicar a pesca sostible en Galicia. Os menores de 14 anos non precisan licenza e os menores de idade teñen permisos gratuítos para a pesca sen morte

A conselleira Ángeles Vázquez durante a charla do pescador campión do Mundo, David Arcay, no IES de Cotobade
A conselleira Ángeles Vázquez durante a charla do pescador campión do Mundo, David Arcay, no IES de Cotobade / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Luís López, e polo alcalde Jorge Cubela visitou as instalacións do IES de Cotobade. Alí, este luns desenvolvíase unha actividade para fomentar os valores ambientais relacionados coa práctica da pesca. 

A actividade contaba cunha charla práctica a cargo do pescador coruñés David Arcay, catro veces campión do mundo de pesca a mosca, defensor da pesca sostible. Durante a súa intervención aconsellou aos estudantes como manipular aos peixes e devolvelos á auga en condicións óptimas. 

Desde a Xunta indican que se puxo en marcha o proxecto das escolas de río, a través de convenios coas entidades colaboradoras e coa Federación Galega de Pesca, para que novos afeccionados poidan coñecer os ecosistemas acuáticos, a fauna e a flora destes espazos naturais. A intención é que se produza unha substitución xeracional na pesca fluvial.

Ángeles Vázquez destacou que a Xunta de Galicia está a realizar diversas accións para achegar a pesca á mocidade.

Desta forma, os menores de ata 14 anos poden practicar a pesca sen necesidade de sacar licenza e os menores de idade quedan exentos do pago das taxas, tamén se conceden permisos gratuítos para a práctica de pesca sen morte. Segundo sinalou a conselleira, estas medidas benefician a máis de 11.000 pescadores durante esta tempada.

Tamén convidou os estudantes a practicar este deporte para coidar os 30.000 quilómetros de ríos, ademais dos encoros para coñecer o patrimonio fluvial galego.