Medio cento de familias, en listaxe de agarda en Cambados para conseguir composteiro

O Salnés
12 de febreiro 2020

Medio cento de familias agardan xa o seu composteiro individual mentres o Concello de Cambados planea instalar catro novos centros de compostaxe comunitaria ademais dos dóus que ten en funcionamento.  

Os cidadáns achegáronse a carpa informativa sobre o Plan Revitaliza.
Os cidadáns achegáronse a carpa informativa sobre o Plan Revitaliza. / Deputación de Pontevedra

Con motivo da nova campaña sobre compostaxe impulsada pola Deputación de Ponteverda os cambadeses encontraron estes días na feria do concello unha carpa informativa para dar a coñecer o novo Plan Revitaliza. 

Mestras e mestres composteiros foron os encargados de explicar o proceso tanto dos depósitos individuais destinados a zonas rurais coma dos centros de compostaxe comunitaria (CCC) das zonas urbanas. Estas actividades informativas pretenden impulsar a compostaxe coma un modelo de xestión de lixo ambientalmente sustentable, baseado en reintegrar residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.

O crecente interese pola compostaxe reflectiuse no número de cidadáns que se achegaron para recibir a información así coma na repartición de composteiros individuais facilitados pola Deputación de Pontevedra, xa esgotados nestas datas e que provocaron unha listaxe de agarda de medio cento de familias. O Concello de Cambados, pola súa parte, dispón de dous centros de compostaxe comunitarios en funcionamento e hai previsión para instalar outros catro repartidos pola vila.