Medio cento de persoas xubiladas reclaman a viabilidade futura das pensións

Pontevedra
02 de outubro 2018

Piden ao goberno de Pedro Sánchez que traslade ao Boletín oficial do Estado os acordos do Pacto de Toledo nos que se recolle o incremento do IPC nas pensións

Concentración de pensionistas ante a Subdelegación do Goberno
Concentración de pensionistas ante a Subdelegación do Goberno / Mónica Patxot

Convocados polos sindicatos Comisións Obreiras e UXT, medio centenar de persoas xubiladas  acompados por delegados sindicais concentrábanse ante a Subdelegación do Goberno durante o mediodía deste martes 2 de outubro

A secretaria comarcal de pensionistas de UXT, Marisa Rodríguez, afirmaba que reclaman que a subida do IPC se blinde nas pensións, de forma que se incremente de maneira anual. Neste mesmo sentido, Luís Camiña, secretario comarcal dos pensionistas de CC.OO. afirmaba que pretenden a viabilidade no futuro de pensións seguras e dignas.

Sinalan que os pensionistas, desde a crise, aínda son os que sosteñen un importante número de vivendas familiares. Reclaman o bono social para enerxías no fogar. Afirman que manterán as súas protestas ata que se materialice a actualización anual do IPC nas súas pensións.

"Costounos un riñón e parte do outro con este goberno subir o IPC porque o PP e Ciudadanos opoñíanse", afirma Marisa Rodríguez, que mantén que esta loita non a realizan só por eles senón tamén polos pensionistas das seguintes xeracións.