Medio millón de euros e catro meses de obras para reformar o parque de Bombeiros

Pontevedra
06 de marzo 2021

Algo máis de medio millón de euros prevé investir o Concello de Pontevedra na reforma das instalacións do parque de bombeiros. A actuación, que ten un prazo de execución de catro meses, busca ampliar os espazos de convivencia para cumprir os parámetros de seguridade

Parque municipal de bombeiros de Pontevedra
Parque municipal de bombeiros de Pontevedra / Mónica Patxot

Algo máis de medio millón de euros prevé investir o Concello de Pontevedra na reforma das instalacións do parque de bombeiros. A actuación, que ten un prazo de execución de catro meses, busca ampliar os espazos de convivencia para cumprir os parámetros de seguridade.

Foron seis as empresas que presentaron a súa oferta para encargarse da execución dos traballos. Son ACEVI, Prace, Gómez Crespo, Construcciones Castro Figueiro, Probisa Vías y Obras e Asistencia y soluciones de arquitectura e ingeniería.

As súas ofertas oscilan entre os 508.096 euros da máis elevada e os 423.729 da máis reducida.

A mesa de contratación do Concello reuniuse esta semana para abrir os sobres administrativos e tamén a oferta económica presentadas polas empresas. Volverá a xuntarse nos vindeiros días, unha vez que estea valorado o proxecto técnico por parte das oficinas municipais.

O proxecto de remodelación do parque busca ampliar os espazos de descanso do persoal dividíndoo en habitacións, cociña, baños e vestiarios, con todas as instalacións de electricidade, calefacción e saneamento.

Así, todas as dependencias de uso común, entre elas a cociña, a zona de descanso ou as estancias onde os bombeiros esperan para realizar intervencións, serán ampliadas e situaranse na zona dereita do parque, onde está o taller dos coches e o hangar anexo.

Tamén se reformará a parte administrativa dándolle unha nova distribución. A área de oficinas concentrarase no lado esquerdo do parque, onde tamén haberá máis espazo para estes despachos, segundo consta no proxecto desta actuación.