Medio millón de euros para poñer en valor a ponte medieval de Ponte Sampaio

Pontevedra
18 de novembro 2024

O obxectivo é realzar a estética desta ponte que une Pontevedra e Soutomaior e garantir a súa conservación. A Xunta prevé licitar este mes estas actuacións e iniciar os traballos en primavera

Ponte medieval de Ponte Sampaio
Ponte medieval de Ponte Sampaio / Mónica Patxot

A ponte medieval de Ponte Sampaio, que comunica os concellos de Pontevedra e Soutomaior, será obxecto dunha completa actuación para a súa posta en valor e conservación. 

O Consello da Xunta deu luz verde ás obras na súa reunión deste luns e avanzou que suporán un investimento de case 500.000 euros

O goberno galego prevé licitar este mes estas actuacións co fin de poder iniciar a execución dos traballos na vindeira primavera.

Os traballos contan cun prazo de seis meses, polo que estarán rematados no próximo outono, segundo as previsións que manexa a Xunta.

O obxectivo desta intervención é realzar a estética da ponte e garantir a súa conservación.

Entre os traballos previstos, levaranse a cabo labores de limpeza dos paramentos para mellorar o seu aspecto estético, repararase o pavimento existente e reporanse as pezas de lastra.

Tamén se procederá á renovación da iluminación para que sexa máis funcional e eficiente e realce o valor patrimonial da ponte.

O proxecto inclúe o acondicionamento do espazo na contorna da estrada PO- 264 nos dous concellos e o axardinamento do triángulo flanqueado polo bordo do río e o lastrado do acceso norte.