O Concello de Cerdedo-Cotobade dá un novo paso para a creación do novo polígono industrial de Monte Mocín despois da aprobación do informe sectorial da Consellería do Medio Rural. Un paso fundamental e imprescindible ao atoparse a parcela en zona forestal.
Con este trámite, o Concello atópase xa a piques de obter todas as autorizacións necesarias despois de que o pleno municipal aprobase a modificación do plan de urbanismo para converter o terreo en chan urbanizable. Agora falta a aprobación dos últimos informes sectoriais doutros organismos, "que son menos complexos", puntualizan desde o goberno local. O executivo que encabeza o popular Jorge Cubela é optimista e confía en poñer iniciar as obras de construción este mesmo ano.
O proxecto de chan industrial de Monte Mocín afecta a 117.984 metros cadrados, dos que 52.318 serán para parcelas industriais de uso xeral e 5.703 para proxectos niño ou en fase de creación. Así mesmo, haberá 1.700 metros cadrados para uso terciario, preto de 25.000, para zonas verdes; e unha cifra similar para vías de comunicación, que inclúen catro rotondas e un carril bici.