Medio século enchendo as rúas de folclore, música e baile polo Día da Muiñeira

Pontevedra
01 de xuño 2024

Pontevedra celebrou este venres a edición número 51 do Día da Muiñeira, que organiza a Asociación Duos Pontes

Día da Muiñeira / Mónica Patxot

Pontevedra celebrou este venres a edición número 51 do Día da Muiñeira, que organiza a Asociación Duos Pontes.

Como vén sendo tradición desde fai xa máis de medio século, o folclore, a música e o baile volveron encher as rúas da Boa Vila.

Os grupos participantes concentráronse na Praza do Teucro, ás 19:00, e desde alí partiron en desfile polas rúas de Pontevedra ata a avenida de Montero Ríos. 

Debido á instalación provisional de aulas no paseo polas obras do IES Valle Inclán, os grupos distribuíronse a continuación das casetas-aula.

Ás 20:00 deu comezo a mostra de baile, na que os menores de 8 anos, bailaron a Muiñeira de Mariñán; os de 8 a 13 anos, bailaron a Muiñeira de Fozara; e os maiores de 13 anos, bailaron a Muiñeira dos Peruchos.

Ao remate, interpretouse unha jota, a de Paulino e un pasodobre, "O galo d’ouro". 

O fin de festa contou coa participación do público para gozar todos xuntos do baile e da música tradicional.