Medra o número de turistas estranxeiros na cidade

Pontevedra
10 de outubro 2015

Durante o mes de setembro os puntos de información turística dependentes do Concello (Casa da Luz, Vialia e Praza de España) recibiron a unha media de 350 visitantes ao día. Case o 30% de turistas procedía doutro país  

Punto de información turística na Casa da Luz
Punto de información turística na Casa da Luz / Cristina Saiz

Os puntos de información turística na cidade dependentes do Concello de Pontevedra (Casa da Luz, Vialia e Praza de España) recibiron durante o mes de setembro a 10.500 turistas.

De media 350 visitantes solicitaron información nestes puntos, ao que hai que sumar o preto de milleiro de pontevedreses que se achegaron ás oficinas de atención para conseguir información da programación cultural.

Entre as cifras destaca o aumento de turistas estranxeiros, que representan o 29,7% do total (3.107 persoas), o que supón un 7,58% máis que no mesmo mes do pasado ano.

"É un turista que obxectivamente interésanos xa que, en xeral, ten un poder adquisitivo medio alto", sinala con satisfacción a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, valorando os datos.

Segundo as estatísticas facilitadas pola administración local, setembro pechouse na cidade de Lérez cunha ocupación hotelera do 68,96%, case nove puntos máis que o rexistrado en 2014.

Un dato que cualifican os responsables municipais como positivo e que "pecha a mellor tempada turística desde antes da crise", con datos que o mes de xullo foron de 71% de ocupación e en agosto do 85,6%.