Meijón pregunta a Ana Pastor cando concluirá o enlace de Bombeiros coa AP-9

Pontevedra
02 de marzo 2015

O deputado socialista por Pontevedra, Guillermo Meijón, califica de "sorprendente" que sexa o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, "quen exerce de portavoz da ministra de Fomento respecto á data na que o Ministerio realizará a reforma do nó de Bombeiros"

Vista aérea do Nó de Bombeiros
Vista aérea do Nó de Bombeiros /

O deputado socialista por Pontevedra, Guillermo Meijón, cualifica de "sorprendente" que sexa o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, "quen exerce de portavoz da ministra de Fomento respecto á data na que o ministerio realizará a reforma do nó de Bombeiros e o seu enlace coa AP-9".

Meijón sinala que a ministra Ana Pastor, titular do ministerio de Fomento, non confirma data e, non obstante, Rafael Louzán indicou que a obra estará finalizada entre os anos 2016 e principios de 2017. Por este motivo critica o "electoralismo exacerbado" do que "tantas veces fixo gala Rafael Louzán" e apunta que non coincide cos compromisos aos que está disposta a chegar Ana Pastor respecto ao investimento e calendario das obras.

Segundo o deputado socialista, o propio presidente provincial do PP recoñece que para esta actuación falta aínda a aprobación do estudio de impacto ambiental e recorda que de forma sistemática, o PP rexeitou ano tras ano no Congreso as emendas que os socialistas galegos presentaron aos Presupostos Xerais do Estado con dotación económica para esta actuación.

Meijón presentou no Congreso unha iniciativa parlamentaria coa que se pregunta "se é Louzán quen dirixe agora o ministerio de Fomento" e coa que lle pide a Pastor "que explique se a Ministra seguirá as indicacións e as directrices do presidente da Deputación de Pontevedra e rematará así o ministerio de Fomento a devandita actuación como moito en 2017, ou mesmo en 2016, como afirma Louzán".

O deputado solicita ademais resposta de Pastor sobre "o investimento total que ten previsto realizar o Goberno na remodelación do nó de Bombeiros no concello de Pontevedra, sinalando, para cada unha das fases do proxecto, as cantidades a aplicar en cada un dos exercicios que dure a devandita actuación e a que partidas presupostarias se aplicarán", ademais de reclamar datos sobre o calendario previsto para o inicio e a finalización desta actuación.