Meis xa conta co seu primeiro centro de compostaxe comunitaria

O Salnés
13 de maio 2020

Este mércores 13 de maio remataba a obra e instalación na Praza de España de Meis do primeiro composteiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra que se coloca no municipio e que entrará en funcionamento a semana próxima

Composteiro do Plan Revitaliza instalado en Meis
Composteiro do Plan Revitaliza instalado en Meis / Deputación Provincial

Este mércores 13 de maio remataba a obra e instalación na Praza de España de Meis do primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra que se coloca no municipio.

O persoal técnico provincial, formado polas mestras e mestres composteiros, iniciará nestes días unha campaña de buzoneo informativo entre a veciñanza para que, quen queira iniciarse na compostaxe, xa poida facelo. O composteiro, de seis módulos, entrará en funcionamento a semana próxima.

Segundo explica a técnica responsable da área, Estefanía Alfonsín, as persoas que vivan na contorna do composteiro e que estean interesadas en compostar o seu lixo orgánico poderán facelo, malia o estado de alarma. Dadas as circunstancias, lembra que deben seguirse todas as indicacións xerais de hixiene nestes momentos da COVID-19, como é o distanciamento, uso de máscaras protectoras ou hixiene de mans.

Ademais do buzoneo con folletos informativos que se realizará estes días, está previsto tamén facer unha campaña porta a porta, xa que polo de agora prefírese evitar a formación de grupos de veciños.

Desde o organismo provincial lémbrase que "a compostaxe nos centros comunitarios do Revitaliza ten garantía de xestión segura, xa que no proceso de compostar elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiduos que se achegan grazas ás importantes temperaturas que se alcanzan".

O centro de compostaxe comunitaria de Meis será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. Este encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta.

No centro de compostaxe os veciños de Meis poderán depositar todos os seus restos de comida, cociñada ou crúa, así como vexetais, como por exemplo, céspede recentemente cortado ou plantas de todo tipo. Unha vez depositado o lixo orgánico no caixón marcado e habilitado polos técnicos, é necesario tapar cunha capa de estruturante, que está formado por restos leñosos secos que estarán disponibles nunha saca ou nun caixón anexo.  

A Deputación informa que durante a corentena decretada polo estado de alarma todos os centros de compostaxe Revitaliza estiveron activos na provincia e incluso duplicaron o número de achegas de residuos por parte dos veciños.