Melloran a accesibilidade dunha zona da Avenida de Ourense

Marín
25 de febreiro 2023

O Concello de Marín vén de acometer unha actuación na zona da Avenida de Ourense na que hai un acceso portuario, que contaba cun pavimento a base de lastros que supoñía un problema para persoas con mobilidade reducida, xa que unha cadeira de rodas non podía transitar correctamente por ese espazo

Mellora da accesibilidade dunha zona da Avenida de Ourense
Mellora da accesibilidade dunha zona da Avenida de Ourense / Concello de Marín

O Concello de Marín vén de acometer unha actuación na zona da Avenida de Ourense na que hai un acceso portuario, que contaba cun pavimento a base de lastros que supoñía un problema para persoas con mobilidade reducida, xa que a cadeira de rodas non podía transitar correctamente por ese espazo.

Así, creouse unha senda que dá continuidade ao carril bici creado na remodelación da Avenida para xerar un itinerario liso e cómodo no que poidan pasar aquelas persoas en cadeira de rodas sen ter que modificar a súa traxectoria nin verse en problemas polo lastro anterior. 

Desde o Goberno local sinalaron que seguen a traballar para tratar de eliminar todas as barreiras arquitectónicas que hai no espazo público, tal e como xa se ven facendo cada vez que se humaniza ou mellora unha rúa. 

Agora, estase preparando tamén unha campaña de sensibilización e visibilización en pro da accesibilidade universal "para concienciar á cidadanía, aos comercios, á hostalaría e a todos os sectores relevantes da vida pública da importancia de que todos e todas, independientemente da nosa situación, poidamos acceder por igual aos espazos compartidos".

"Mellorar a accesibilidade do espazo público, así como das instalacións públicas e privadas en xeral, é unha liña estratéxica fundamental para facer da nosa vila un espazo cómodo e inclusivo para todos e todas", afirman dende o Concello marinense.