Melloran a cuberta do punto limpo municipal situado en Padriñán

Sanxenxo
07 de decembro 2022

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo, xestionada por Juan Deza, acaba de recibir unha subvención de 10.278 euros para acometer os traballos

Cuberta do Punto Limpo de Padriñán
Cuberta do Punto Limpo de Padriñán / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo está a acometer melloras nas instalacións do Punto Limpo municipal. Os labores céntranse na restauración da cuberta de ferro que se atopa deteriorada polo paso do tempo e rexistra filtracións de auga. 

Ademais, realizarase unha sinalización completa das instalacións coa colocación dun cartel con horarios de apertura e residuos a depositar, carteis indicativos de cada zona de recepción de residuos e carteis nos colectores. Trátase de mellorar a imaxe do punto limpo e facer un servizo máis eficiente na recollida de residuos. 

A mellora está subvencionada polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos con 10.278 euros.

Ademais deste punto limpo fixo, o Concello para fomentar e achegar a reciclaxe ás distintas parroquias puxo en marcha en 2020 o punto limpo móbil. Con esta incorporación reforzouse a recollida selectiva de residuos que carecen dun sistema convencional para refugalos como baterías de teléfonos, toners, pilas, pequenos electrodomésticos ou algúns envases e residuos sólidos específicos.

Doutra banda, continúa a instalación dos tres novos centros de compostaxe comunitaria en Baltar, Sanxenxo e Nantes, que se sumarán ao único composteiro co que conta o municipio na actualidade, situado no Parque do Espiñeiro, en Portonovo.

Con esta acción, o Concello busca redobrar a súa aposta pola reciclaxe orgánica polo que, ademais, está a repartir entre a veciñanza 100 composteiros individuais de forma gratuíta. Para iso, os veciños interesados terán que solicitalos na oficina de Medio Ambiente. 

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo, xestionada por Juan Deza, xa repartiu máis de 300 composteiros deste tipo entre a veciñanza do municipio, que agora se verán reforzados con esta nova remesa. Na mesma liña destas actuacións, o Concello acaba de adquirir dous biotrituradoras por 48.689 euros, co obxectivo de tratar os restos de poda e utilizalos como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios. Precisamente, coas dúas actuacións prevese reducir un 40% no municipio as emisións de gases causantes do efecto invernadoiro.

Ambas están cofinanciadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation ao 90%. Pola súa banda, o Concello deberá asumir o 10% da actuación e o custo do IVE.