Melloran un vial en Bordóns no lugar da Lamela

Sanxenxo
13 de decembro 2021

A actuación, valorada en 25.499 euros, está previsto que conclúa nas próximas semanas

Construción dun muro nun vial en Bordóns no lugar da Lamela
Construción dun muro nun vial en Bordóns no lugar da Lamela / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo está a acometer unha mellora de seguridade viaria en Bordóns no lugar da Lamela.

A actuación que conta cun orzamento de 25.499 euros céntrase na construción dun novo muro de cachotería, que funciona como contención, e o ensanche do vial ata os 4 metros. Os traballos de construción do muro está previsto que rematen esta mesma semana e, a continuación, procederase ao hormigonado ao longo de 35 metros do camiño. 

Na parte máis alta, colocarase un valo e un banco que permitirá gozar das vistas do municipio desde esa zona.

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Obras e Servizos, Óscar Vilar, visitaron este luns a actuación, así como outra zona no mesmo lugar da parroquia no que se prevé actuar en breve e que supón un problema similar a leste no que xa se está traballando. Martín destaca "a boa colaboración veciñal para poder levar a cabo estes traballos coa cesión voluntaria de terreo para ampliar un camiño que agora será un vial en condicións".

Tamén en Bordóns, o pasado mes de setembro concluíron os traballos de recuperación do leito do río Sear e a mellora do cruzamento do camiño municipal que atravesa Dorrón. 

A actuación, que roldou os 30.000, euros ten o obxectivo de acabar coas inundacións provocadas polos desbordamentos periódicos do río debido á deficiente canalización do leito fluvial. 

A obra incluíu tamén a reposición da pavimentación que presentaba gretas e mesmo fochas na parte máis próxima ao río. Para mellorar a seguridade do tránsito peonil pola contorna instalouse na ponte unha varanda.