Melloran varias luminarias en mal estado na avenida de Andurique

Poio
21 de xuño 2021

A tenente de alcalde, Chelo Besada, sinala que o Concello de Poio está a realizar de xeito regular labores de mantemento en zonas urbanas da PO-308. Neste caso, a actuación desenvólvese á espera de que a Xunta acepte impulsar un convenio para a reforma integral da estrada ao paso polo casco urbano da parroquia de San Salvador

Luminarias da avenida de Andurique, na PO-308
Luminarias da avenida de Andurique, na PO-308 / Concello de Poio

Media ducia de luminarias entre os números 34 e 48 da avenida de Andurique atópanse en mal estado e o Concello de Poio anuncia que levará a cabo unha reparación deste mobiliario urbano nesta zona do centro da parroquia de San Salvador.

Chelo Besada, concelleira de Obras e Servizos, sinala que os traballos se iniciaron nos últimos días para garantir a seguridade dos viandantes que transitan por esta zona ante a deterioración destes elementos lumínicos e o risco de que caesen.

Os operarios cambiaron as columnas, que xa contaban cun notable desgaste, aproveitando os puntos de luz e o cableado existente. A tenente de alcalde tamén indica que esta rúa forma parte da PO-308, da que é responsable a Xunta de Galicia, pero ao tratarse dun tramo urbano e #ante o estado dos farois, "optamos por actuar rapidamente". 

Besada indicou que espera que se poida sacar adiante o convenio coa Xunta para levar a cabo unha remodelación integral da estrada autonómica ao seu paso polo núcleo urbano de San Salvador. Estes traballos afectarían á avenida de Andurique, A Barca e A  Porteliña. A idea sería renovar servizos e crear novos espazos nesta vía con moito tráfico diario. O  Concello de Poio destinaría 300.000 euros para que leve a cabo o convenio coa administración autonómica.

AVENIDA DA CRUZ

Noutro punto da PO-308, na Avenida da Cruz, no centro urbano da parroquia de Combarro, nas proximidades da  Baixada á Chousa, iniciáronse traballos para mellorar esta zona. Renóvanse parte das beirarrúas, nas dúas marxes, que se atopan moi deterioradas, segundo o goberno local, debido á entrada e saída de vehículos para acceder ás vivendas e realizar traballos de carga e descarga.

Substitúense zonas de baldosa por unha superficie de formigón e bordo de lastra. Chelo Besada espera que as obras finalicen antes do mes de xullo, se as condicións meteorolóxicas acompañan. O orzamento para estes traballos que realiza Servizos Ambientais do Miño, ascende a 32.000 euros.