Mellorarán a seguridade peonil na estrada de Sisán e solucionarán os problemas de empozamento

O Salnés
05 de febreiro 2021

A Deputación de Pontevedra realizará melloras de seguridad viaria na estrada provincial EP-9509 na parroquia de Sisán ao seu paso por Ribadumia. Trátase duns traballos que buscarán optimizar o tránsito peonil polas beiras nunha zona cunha elevada densidade residencial 

O deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, o alcalde de Ribadumia David Castro, e a concelleira Mar Muimenta
O deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, o alcalde de Ribadumia David Castro, e a concelleira Mar Muimenta / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra realizará melloras de seguridad viaria na estrada provincial EP-9509 na parroquia de Sisán ao seu paso por Ribadumia. Trátase duns traballos que buscarán optimizar o tránsito peonil polas beiras nunha zona cunha elevada densidade residencial ao mesmo tempo que solucionarán o problema dos empozamentos nesta zona a causa das augas pluviais. Segundo informou a Deputación, a obra contará cun investimento de 90.000 euros e as empresas poderán presentar ofertas ata o próximo 17 de febreiro.

A actuación aplicará o modelo das cunetas tendidas que o servizo de Infraestruturas da Deputación emprega para optimizar o aproveitamento da sección dispoñible naqueles tramos de estradas onde non é posible ensanchar ou resulta moi dificultoso. Neste caso, as novas cunetas apegaranse á liña de peche das edificacións e fincas existentes, utilizando o espazo cedido xa no pasado.

As obras teñen un prazo de execución de tres meses e consistirán no redeseño das dúas marxes da estrada provincial. Un dos lados contará cunha lonxitude de actuación de 435 metros e a outra de 175 metros aproximadamente. Coas novas cunetas tendidas tratarán de resolver o tratamento irregular nas beiras deste tramo de estrada, onde conviven sectores sen pavimento con outros con beiravías.

As cunetas tendidas, cun ancho mínimo de 1 metro e unha pendente moi escasa, permitirán o tránsito peonil ao tempo que reducirán o risco de accidente en caso de saída parcial de vía por parte dos vehículos. O proxecto inclúe tamén a colocación dun colector de recollida de augas pluviais baixo as novas cunetas, o que evitará os empozamentos, ao contar, segundo os tramos con seccións de 400 e 315 milímetros e, ademais, a instalación de pozos de rexistro cada 25 metros.

Durante a visita realizada este venres polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, polo alcalde, David Castro, e pola concelleira Mar Muimenta, Agís explicou que as cunetas tendidas "funcionan na práctica como unha beirarrúa ou unha senda peonil ao mesmo nivel que a calzada e, ademais, permiten recoller as augas pluviais".

Así mesmo, destacou que a Deputación "seguirá colaborando para solucionar problemas, tanto coa ferramenta do Plan Concellos, como das obras que facemos dende o departamento de Infraestruturas". Ademais recordou que "sabemos da importancia de apoiar aos concellos rurais, mellorando os servizos e equipamentos e contribuíndo así a asentar poboación".

Pola súa banda, David Castro, destacou que "en Sisán hai unhas 40 vivendas e era preciso acondicionar as beiras da estrada provincial" e sinalou a importancia de "ir mellorando día a día este tipo de infraestruturas que os veciños lles veñen trasladando". A mellora de Sisán, ao paso polo lugar de Tabueiros, a calificou "non só como moi importante para a veciñanza, senón para o tráfico de paso ao longo dunha estrada que conecta Ribadumia con Cambados".

A Deputación leva investidos máis de 4,5 millóns de euros en Ribadumia dende 2015, é dicir dende o cambio de goberno na institución provincial. Neste período executáronse actuacións por valor de 800.000 euros no mantemento e mellora da rede provincial de estradas ao seu paso por este municipio. As obras afectaron ás estradas Coirón-Ribadumia-Leiro e Ribadumia Grenla, ás que agora se suma a estrada Muíños Novos- Tabueiros ao seu paso por Sisán.