A facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, como membro da Rede do Plan de Escolas Asociadas (PEA) da UNESCO, realizou na mañá deste mércores 16 de marzo a lectura dun manifesto en contra da guerra de Ucraína.
A través deste escrito realizado pola coordinadora española da PEA, Luisa Márquez, pretenden mostrar o seu rexeitamento a todos os ataques armados, facendo fincapé no caso de Ucraína polos últimos sucesos acontecidos no país.
Durante o acto, ao que foron convidadas todas as persoas da comunidade universitaria, recordaron o seu carácter simbólico. "Aínda que as nosas palabras non sexan escoitadas por quen pode acabar con esta guerra, o noso compromiso cos valores da UNESCO impídenos quedar en silencio na nosa impotencia" declaraban ao comezo.
Ao longo do discurso, destacaron a situación das persoas ucraínas menores de idade, sinalando que se lles están a arrebatar todos os seus dereitos, como a educación, a liberdade, a saúde, o xogo e ata a familia. Ademais, lamentaron o trauma que o conflito bélico lles causará para o resto das súas vidas.
Como peche final, unha estudante recitou un poema escrito por unha docente da facultade, Elvira Riveiro Tobío, baixo o nome 'Basta'. Nos seus versos volveuse a criticar todo tipo de violencia para logo rematar agradecendo "ás palabras plantadas nas landas da paz".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.