Membros da Garda Civil e da Policía Nacional, molestos nas redes porque o PP non apoiou no pleno a equiparación salarial

Pontevedra
15 de xaneiro 2018

Durante a fin de semana amosaron o seu enfado na conta de Twitter de Jacobo Moreira que, como portavoz de los populares, explicou que apoian a equiparación pero que se abstiveron no pleno porque o PSOE pediu desmilitarizar á Garda Civil

Representantes de Jusapol Pontevedra durante o pleno onde se votaba a equiparación salarial
Representantes de Jusapol Pontevedra durante o pleno onde se votaba a equiparación salarial / Jusapol

Jacobo Moreira, portavoz do Partido Popular de Pontevedra, tivo que aturar unha chaparrada de críticas nas redes sociais durante esta fin de semana despois de que no pleno do venres o grupo municipal do PP decidira absterse ante a moción presentada polo Partido Socialista na que solicitaban a equiparación salarial da Garda Civil e da Policía Nacional coas policías autonómicas.

Durante a sesión plenaria atopábanse presentes varios integrantes pontevedreses de Jusapol, o colectivo que agrupa aos integrantes de Policía Nacional e Garda Civil que demandan a equiparación de salario dos funcionarios das forzas e corpos de seguridade do Estado. Eles publicaban un tweet agradecendo ao PSOE e a Cidadáns o seu apoio para aprobar esta moción, que tamén contou co voto favorable de Marea Pontevedra. Nese punto abstivéronse tanto o BNG como o Partido Popular.

A decisión dos populares molestou de maneira notable aos representates de Jusapol. E así o manifestaron en Twitter a partir dese momento. Moreira intentou explicar, engadindo o vídeo da intervención plenaria, que tiñan votado a favor desa proposta na comisión previa pero que no pleno, o PSOE introducía unha variante referida á desmilitarización da Garda Civil. Ese cambio provocou que se abstiveran.

Con todo, a explicación non foi ben recibida. Decenas de respostas foron publicándose contra a postura do Partido Popular, a quen acusan de non ter asinado a petición de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para equiparar os soldos destes funcionarios.

Desde a Unión Federal de Policía (UFP) tamén se comunicaba o rexeitamento a esta decisión do PP e lamentan a decepción que lles provocou. ""Del BNG no esperábamos menos, pero el PP, ¿cómo se ha podido abstener a que nos equiparen los salarios?", indica Carlos Rodríguez, secretario provincial de UFP. O representante policial afirma: "Tienen que darse cuenta de que los policías también nos podemos abstener en las próximas elecciones. Estamos con los partidos que nos apoyan".

  • ALGUNHAS RESPOSTAS EN TWITTER Á EXPLICACIÓN DE JACOBO MOREIRA: