Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, anunciaba que desde o Concello de Pontevedra prepárase a organización dunha xornada sobre Estratexia Edusi, dentro do programa denominado 'Máis Modelo Pontevedra'. Durante este encontro van tratarse os proxectos relacionados cos Fondos Europeos e os Fondos de Recuperación Next Generation.
Esta xornada realizarase o 7 de maio en formato en liña e tamén presencial no Teatro Principal coa presenza de representantes municipais e doutras administracións como o Ministerio de Mobilidade,Transporte e Axenda Urbana, do mesmo xeito que da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.
O Concello de Pontevedra executou diversos proxectos con fondos EDUSI e a intención é trasladar a outras entidades locais que optan aos fondos procedentes de Europa para aclarar como se deben realizar os trámites. Ademais, a cita servirá para abordar o papel do Concello pontevedrés na implementación da Axenda Urbana Española e os Plans Estratéxicos de Acción Local.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores abrirá a xornada coa intervención da directora da Oficina de Onu-Habitat en España, Carmen Sánchez-Miranda Gallego. A continuación tratarase o Modelo Urbano de Pontevedra coa intervención de Anabel Gulías, como concelleira responsable municipal dos fondos Edusi e os concelleiros Demetrio Gómez e Iván Puentes, encargados de Obras Urbanas e de Medio Ambiente. Durante esta charla analizarase o transporte a demanda nas parroquias do rural ou a recuperación do tramo subterráneo do río Gafos que pasa pola cidade.
Posteriormente, a subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana, Ángela de la Cruz, tratará a transición das cidades cara a un modelo máis sostible. Despois analizarase o Fondo de Recuperación - Next Generation EU e o papel que deben exercer as cidades.
Para finalizar, o director xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Enrico Marescotti, centrarase nos desafíos das cidades europeas de fronte ao ano 2027. Neste sentido Anabel Gulías explicaba que existe pouca información sobre estes temas tan actuais e contar cun representante da Comisión Europea é unha "fonte de primeira man".
Para asistir a esta xornada é preciso inscribirse a través do correo electrónico [email protected]
EDIFICIO DE SANTA CLARA
Por outra banda, a portavoz municipal anunciou que dez empresas presentaron ofertas para reformar o edificio de Santa Clara para transformalo no espazo para proxectos de mulleres e que pasará a denominarse ' Redeira'.
A actuación conta cun orzamento de licitación de máis de 90.739 euros e atópase financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).