Menhir de 4.500 anos de historia, abandonado entre fentos

Marín
09 de abril 2021

Trátase da Pedrafita de Currás, no concello de Marín, e Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, denuncia que o goberno local do PP está a aplicar a lei do mínimo esforzo en relación coa conservación do patrimonio ante o estado de abandono e falta de información sobre este monumento arqueolóxico de más de nove toneladas de peso

Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín, xunto ao menhir Pedrafita de Currás
Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín, xunto ao menhir Pedrafita de Currás / BNG de Marín - Arquivo

Pedrafita de Currás é un menhir que supera as 9 toneladas de peso e os 4.500 anos de existencia. Atópase en Marín nun espazo onde agroman os fentos e sen sinalización nin promoción. Así o denuncia Lucía Santos, a portavoz municipal do BNG, que trasladaba á comisión informativa de cultura e patrimonio a súa preocupación polo estado que presenta este monumento arqueolóxico.

E é que Pedrafita de Currás é o único menhir que se atopou enteiro, nunha soa peza, en Galicia. En 2016, a concelleira nacionalista xa alertara sobre a situación de abandono deste monumento megalítico. Posteriormente instaláronse dous paneis informativos nas proximidades, un deles atópase totalmente borrado, segundo denuncia a portavoz do BNG.

Ante esta situación reclaman a restitución do panel, a difusión da existencia do menhir e máis puntos informativos sobre este elemento con datos sobre a súa localización. Lucía Santos sinala a importancia de determinados xacementos do municipio e a necesidade de promocionalos e conservalos.

Por este motivo lamenta a "falta de sensibilidade e desinterese por parte do goberno municipal en relación co noso patrimonio. Neste caso, o goberno municipal aplicou a lei do mínimo esforzo e é necesario lembrar que as administracións públicas son as primeiras que teñen que velar polo noso patrimonio", reiterou Santos.