Meniños e Secretariado Xitano colaboran co Concello para asegurar o acceso á educación das familias máis vulnerables

Pontevedra
04 de abril 2020

Os traballadores destas fundacións realizan un seguimento diario e personalizado da realización das tarefas dos escolares e Benestar Social fai chegar material educativo aos fogares a través de Protección Civil

A coordinadora da Fundación Secretariado Xitano, María José Obelleiro, traballando desde casa
A coordinadora da Fundación Secretariado Xitano, María José Obelleiro, traballando desde casa

A concellería de Benestar Social de Pontevedra está a traballar estes días en coordinación coas fundacións Meniños e Secretariado Xitano para asegurar que os menores con menos recursos dispoñan de todo o material educativo necesario para continuar coa súa formación.

"Resulta esencial para evitar que a suspensión das clases incremente aínda máis as diferenzas sociais", explica a concelleira Paloma Castro, a importancia deste programa.

Desde Meniños están a atender a unhas corenta familias. Este seguimento baséase na comprobación da realización das tarefas escolares e dos medios tecnolóxicos dos que dispoñen. Para facilitar o labor, contactan cos colexios co obxectivo de resolver as dificultades que xurdan e facilitan a pais e nais ferramentas para o uso positivo do tempo de lecer, a organización horaria e ela xestión de conflitos.

A función da Fundación Secretariado Xitano é similar. A través do programa Promociona, os traballadores sociais ocúpanse de atender as dificultades que poidan xurdirlle aos alumnos co material e o traballo proposto desde os centros educativos.

Ademais, coordínanse cos profesores para que teñan en conta estas limitacións á hora de propoñer tarefas. E os propios profesores da Fundación encárganse de propoñer actividades de reforzo personalizadas e prestar atención directa a través de videollamadas ou whatsapp.

Todo o necesario para manterse ao día nas súas obrigacións escolares, "fáiselles chegar aos seus domicilios, en zonas rurais de difícil acceso, por medio de Protección Civil unha vez por semana", conclúe a edila Castro acerca do modo no que prestan servizo educativo ás familias máis vulnerables.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora