Menos touros e máis vacas

Pontevedra
24 de setembro 2015

A asociación animalista Libera e a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo terán voz no Pleno deste venres da Deputación de Pontevedra

Salón de plenos da Deputación
Salón de plenos da Deputación / Juan Mejuto

A asociación animalista Libera e a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo terán voz no Pleno deste venres da Deputación de Pontevedra.

Libera presentou unha proposta para que a administración provincial traballe contra os malos tratos e abandono de animais. Ademais este colectivo animalista leva unha campaña para acabar coas corridas de touros, polo que se espera que pida á institución un pronunciamiento a favor da abolición.

En canto á Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo buscará o apoio da Deputación para que os 3.000 gandeiros galegos que actualmente reciben pagos polo seu leite por baixo dos custos de produción alcancen prezos "competitivos e dignos".

A orde do día tamén incluirá unha moción do Partido Popular para apoiar a continuidade da Escola de Gaitas e Percusión, e solicitar ao goberno bipartito que renove o convenio que permite formar a preto de 700 músicos cada curso.