O mercado británico convértese nun obxectivo prioritario para o turismo das Rías Baixas

Pontevedra
09 de outubro 2025

A Deputación de Pontevedra explora novas vías de colaboración co Reino Unido e prepara a súa participación na World Travel Market de Londres

Turista
Turista / Cristina Saiz

A provincia de Pontevedra quere intensificar a súa estratexia de captación do turismo británico tras as xestións desenvolvidas na V Convención de Turespaña celebrada en Cáceres.

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, mantivo unha reunión clave co director de Turismo de España no Reino Unido, Manuel Butler, para explorar as oportunidades que ofrece este mercado ás Rías Baixas.

O encontro, no que tamén participou a directora provincial de Turismo, Romina Fernández, centrou o debate en dous aspectos fundamentais: o estudo das posibilidades existentes para a provincia no mercado británico e a análise de futuras actuacións de colaboración entre ambos organismos.

Como resultado destas conversas, Almuíña confirmou que a Deputación participará na World Travel Market, a principal feira turística que se celebrará en Londres entre o 4 e o 6 de novembro.

Esta cita suporá unha oportunidade estratéxica para posicionar o destino Rías Baixas no mercado británico, un dos obxectivos marcados na Estratexia Rías Baixas 61.

Jesús Vázquez Almuíña, no centro, con Manuel Butler e Romina Fernández
Jesús Vázquez Almuíña, no centro, con Manuel Butler e Romina FernándezDeputación de Pontevedra

A internacionalización do destino provincial non se limita ao Reino Unido. Durante a súa estadía en Cáceres, o deputado tamén mantivo reunións cos responsables turísticos de Aragón e Cantabria para analizar mercados e explorar novas vías de colaboración no ámbito nacional.

Especialmente relevante foi o encontro con Manuel Blasco, conselleiro de Turismo do Goberno de Aragón, a quen Almuíña detalló o workshop que a Deputación organizará o 29 de outubro en Zaragoza.

Esta acción promocional contará coa participación de 25 empresas turísticas pontevedresas e servirá para divulgar a campaña "Cando volves?", galardoada internacionalmente en países como Xapón, Sudáfrica, Estados Unidos, España e Francia.

V Convención de Turespaña celebrada en Cáceres
V Convención de Turespaña celebrada en CáceresDeputación de Pontevedra