Mercado escolar na Peregrina para amosar proxectos do programa DepoEmprende

Pontevedra
05 de xuño 2025

Alumnado de oito concellos da provincia ofreceron os produtos das súas cooperativas no peche do curso 2024/2025

Mercado de DepoEmprende 2025
Mercado de DepoEmprende 2025 / Pablo Ajuria - Brais Porto

O mercado organizado pola Deputación de Pontevedra na praza da Peregrina serviu este xoves como punto final ao programa DepoEmprende, unha iniciativa que busca fomentar a cultura emprendedora nas aulas.

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, achegouse ao evento onde o alumnado de Primaria de sete concellos e de Secundaria de Redondela vendeu os produtos elaborados nas cooperativas que crearon durante o curso.

Os escolares comercializaron unha variada oferta que incluía produtos de alimentación, artigos téxtiles, plantas e obxectos de arte ecolóxica, aplicando na práctica os coñecementos adquiridos durante o ano académico.

Durante a súa visita, Domínguez salientou a importancia desta experiencia para que o alumnado "aprenda a valorar o traballo dos pequenos e medianos empresarios" e comprenda "o importante que é apoiar o comercio local para que a riqueza xerada na provincia quede na provincia".

No mercado participaron un total de doce cooperativas: dúas do CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, unha do CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), unha do CEIP Plurilingüe de Conmeniño (O Grove), unha do CEIP Coirón de Dena (Meaño), dúas do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, dúas do CEIP Plurilingüe de Terra (Tomiño), unha do CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui e dúas do IES Illa de San Simón de Redondela.

O programa DepoEmprende, que abrangue tres proxectos para diferentes etapas educativas (Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional), busca fomentar o emprendemento económico nas aulas en relación coa creación de emprego e a competitividade.

Este programa contempla ademais unha vertente solidaria, xa que parte dos beneficios obtidos destinaranse a accións sociais ou ONG escollidas por consenso polo alumnado.

Ao mercado empresarial estudantil tamén asistían o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, ademais do presidente de CCU Zona Monumental, Miguel Lago.