Mercedes Milá visita Hifas da Terra para gravar un programa para Movistar Plus

Pontevedra
23 de outubro 2020

Esta compañía pontevedresa, especializada na aplicación da micoloxía á saúde, aparecerá nun dos programas da nova tempada de "Scott e Milá", que a xornalista presenta acompañada do seu inseparable can Scott

Mercedes Milá grava en Hifas da Terra un programa para Movistar Plus
Mercedes Milá grava en Hifas da Terra un programa para Movistar Plus / PontevedraViva

Ata Bora desprazouse a popular xornalista Mercedes Milá esta semana.

Fíxoo para visitar a empresa pontevedresa Hifas da Terra e gravar nas súas instalacións un programa para Movistar Plus que se emitirá nos próximos meses.

Esta compañía, especializada na aplicación da micoloxía á saúde, aparecerá nun dos programas da nova tempada de "Scott e Milá", que a xornalista presenta acompañada do seu inseparable can Scott.

De feito, entre gravación e gravación, Mercedes Milá non se separou do seu compañeiro e fixo gala dunha gran proximidade con todos os traballadores de Hifas da Terra.

En "Scott e Milá", a xornalista catalá viaxa por España e parte do estranxeiro para atopar historias que, partindo da experiencia vital de cada un, nos conectan a todos.

O renacer e a procura do propósito vital, a natureza do amor animal, a identidade, a ecoconciencia, as relacións entre os seres queridos, a sexualidade, a fama ou a depresión son algúns dos temas que abordou o programa en tempadas anteriores.