Un grupo de mergulladores, coordinados pola asociación Mesa Pola Ría, realizou este domingo unha limpeza exhaustiva do fondo mariño de Combarro.
Esta foi a terceira das accións ambientais desenvolvidas por este colectivo, que xa limparan as zonas de Portonovo e Aguete en días pasados.
Segundo Javier Ruiz de Cortázar, presidente da Mesa pola Ría, os equipos de limpeza recolleron unha gran cantidade de residuos do leito mariño de Combarro e arredores.
O proxecto, chamado Limpa a túa ría, ten o obxectivo de educar e concienciar no ámbito ambiental a todos os veciños dos municipios da ría de Pontevedra, facendo especial fincapé na importancia do coidado da contorna e contribuíndo á súa conservación.
Unha parada máis, no porto de Beluso (Bueu) o próximo 25 de outubro, completará esta iniciativa, financiada a través do Plan Social de Ence.