Mesa redonda sobre a inserción laboral da muller na Subdelegación do Goberno

Pontevedra
16 de marzo 2022

A subdelegada do Goberno,  Maica  Larriba, subliñou que grazas á última reforma laboral as mulleres asinaron na provincia un 42 5 máis de contratos indefinidos no mes de febreiro

A Subdelegación organiza unha mesa redonde sobre a situación da muller no ámbito laboral Subdelegación do Goberno

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu esta mañá unha mesa redonda centrada na nova reforma laboral e a situación de desigualdade das mulleres no eido laboral, organizada ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller.

No evento, dirixido a persoal dos servizos sociais, dos CIM, avogados, procuradores, graduados sociais, sindicatos ou calquera outra persoa interesada, participaron, ademais da Subdelegada do Goberno, Maica Larriba; Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito da Universidade de Vigo; Sandra Cid Conde, graduada social en Relacións Laborais e Técnica en Igualdade; e Ana Pouso Lijó, xefa da Unidade Especializada de Seguridade Social da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra.

Ao longo de toda a mañá debateuse e arroxouse luz sobre cuestións trascendentais do ámbito sociolaboral feminino como as desigualdades laborais, as diferenzas retributivas, a precariedade, a inserción laboral das mulleres e incluso o acoso nos lugares de traballo ou as mulleres nos ERTES.

Na súa intervención, Maica Larriba puxo en valor a nova reforma laboral aprobada polo Goberno destacando que “beneficia ás persoas traballadoras e, en especial, ás mulleres porque un dos seus obxectivos é reducir a temporalidade que sofren principalmente as traballadoras”.

Nesta liña a subdelegada do Goberno subliñou que os efectos positivos da reforma xa se empezan a percibir, pois como indica o último Informe mensual do Mercado de Traballo de Pontevedra, no mes de febreiro de 2022 as mulleres asinaron un 42% máis de contratos indefinidos que durante o mes anterior.

Maica Larriba tamén informou de que no conxunto da provincia o 45,5 % dos novos contratos realizados en febreiro foron subscritos por mulleres, cifra que representa un 3% máis do que o facían o ano anterior. Por outra banda, a subdelegada do goberno quixo destacar que “durante o mes pasado, case o 70 % dos contratos que esixían formación universitaria foron firmados por mulleres”.

Con todo, a subdelegada do Goberno recordou que “a pesar dos avances, as diferenzas de xénero séguense manifestando en materia laboral, con sectores moi segregados, diferenzas no reparto de responsabilidades familiares, fendas no apartado retributivo ou no menor acceso das mulleres a postos de responsabilidade. As mulleres seguen concentrando as tres cuartas partes do emprego a tempo parcial e a súa inactividade é uns 10 puntos superior á dos homes”.

Maica Larriba insistiu en que a igualdade efectiva entre homes e mulleres “é un elemento fundamental para a construción dunha sociedade máis xusta” e fixo un chamamento “a seguir traballando desde as institucións públicas para prestar apoio decidido ao proceso de participación plena da muller no ámbito social, económico e laboral”, resolveu.