Messi acometerá a mellora do depósito municipal de auga de Barro

Barro
28 de xuño 2018

Esta actuación ten como obxectivo seguir mellorando este servizo público, evitando perdas de auga polo deterioro dunhas instalacións que xa teñen moitos anos e que facilitará as tarefas periódicas de limpeza

Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro Mónica Patxot

O Concello de Barro vai executar un proxecto para reparar o depósito de distribución de auga municipal. Este proxecto, que conta cun orzamento de 22.908,06 euros, está financiado con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra e será executado pola empresa Construtora e Ingeniería Messi S.L.

As obras a realizar consisten na reparación integral do interior do depósito coa proxección dun formigón especial en todo o vaso que mellore a estrutura, tanto dos muros como do piso actual, e a posterior aplicación dunha resina que mellorará a estanquidade e a protección dos muros.

Esta actuación ten como obxectivo seguir mellorando este servizo público, evitando perdas de auga polo deterioro dunhas instalacións que xa teñen moitos anos e que facilitará as tarefas periódicas de limpeza.

Este goberno municipal leva realizando unha serie de actuacións todos estes anos co obxectivo de normalizar o servizo de auga municipal.

Investiuse no control sanitario para estar ao día cos protocolos da Consellería de Sanidade; buscáronse novas captacións para paliar a seca do verán do ano 2017 e seguirase traballando para garantir que este servizo público se siga prestando con garantías no futuro.