O maxistrado Miguel Aramburu García-Pintos volve ser xuíz decano dos xulgados de Pontevedra oito anos despois.
Xa exerceu como xuíz decano entre 2013 e 2017 e agora acaba de ser elixido polos seus compañeiros para regresar ao cargo.
Durante os últimos seis anos, desde 2019, a xuíza decana fora a maxistrada Belén Rubido.
Tal e como recolle o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o principal propósito de Aramburu no cargo será "conseguir que a implantación da nova oficina se faga de modo coordinado cos membros da carreira xudicial de Pontevedra".
Para logralo, buscará a "colaboración" coa Xunta de Galicia e as demais institucións implicadas no proceso.
O novo xuíz decano subliña que a aplicación da lei de eficiencia da Xustiza debe garantir que as funcións xurisdiccionais "poidan desenvolverse adecuadamente".
Outro dos seus obxectivos será a promoción do uso do galego na Administración de Xustiza.
Na carreira xudicial desde 1999, a súa carreira desenvolveuse sempre en Galicia e fundamentalmente na provincia de Pontevedra.
O seu primeiro destino foi o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Redondela e, cando ascendeu a maxistrado en 2005, exerceu no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ferrol.
En 2007 logrou praza no Xulgado do Penal número 2 de Vigo e desde 2011 traballa na capital. En 2011, tomou posesión en Pontevedra como titular do Xulgado do Penal número 4 e, en 2015, do número 2, onde permanece na actualidade.