Mil agasallos para bebés coa intención de fomentar o uso do galego

Pontevedra
28 de maio 2015

Aquelas persoas que agarden ter un bebé en breve poden solicitar no servizo de normalización lingüística do Concello a caixa de agasallo que contén varios produtos galegos que axudan a integrar a lingua e transmitila entre xeracións

Presentación da campaña Apego
Presentación da campaña Apego /
Demetrio Gómez lamenta que en Galicia non se poida vivir en galego /

A comprobación do descenso do uso do galego entre os nenos e a grave perda de transmisión interxeracional da lingua levou a que se poña en marcha a campaña 'Apego' que se desenvolve en trece concellos galegos, entre os que se encontra o de Pontevedra.

A campaña destínase nunha primeira fase a aquelas persoas que estean a esperar o nacemento ou a adopción dun bebé e que estean empadroadas en Pontevedra, que recibirán unha caixa de regalo ao solicitala no servizo de Normalización Lingüística. Estas mil caixas de benvida que se van entregar en Pontevedra para a crianza en galego contén un boneco-manta suave co personaxe do "polbiño PO", mascota de Apego; un libro con propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos e recomendacións para o inicio da lactación; un álbum de recordos e primeiras experiencias; un medidor; un adhesivo para o coche e un disco con dez cancións de música infantil en galego de grupos diversos, producido pola Editorial Galaxia.

Con este programa búscase incrementar a porcentaxe de menores que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de forma habitual e que teñen espazos e recursos para utilizalo, con accións dirixidas ao ámbito familiar e social ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede.

A responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Conchi Cochón, apuntou que esta campaña ten como obxectivo "apelar a importancia de transmitir a lingua para ou futuro, como sucede co medio natural. Todo é patrimonio". Sinalou durante a presentación, acompañada polo concelleiro Demetrio Gómez, que con esta iniciativa tamén se intenta que as familias que non falan habitualmente galego se poidan habituar e comproben que existen cancións, cantigas e contos en lingua galega que se poden transmitir entre xeracións para evitar a súa perda. A iniciativa tamén considera obradoiros e actividades formativas coa intención de presentar unha rede de relación entre os nenos.

Demetrio Gómez lamentou a política que desenvolve a Xunta na que equipara o galego co castelán cando entende que "en galego non se pode facer unha vida normal" porque existen numerosos ámbitos nos que non se poden empregar a lingua do país.