Mil e unha abellas esenciais para a vida achéganse ao Pazo Emilia Pardo Bazán

Sanxenxo
17 de xuño 2024

Desde este luns 17 e ata o venres 28 de xuño a mostra permanecerá aberta na entrada do centro cultural de Sanxenxo con acceso libre. Ofrece 14 paneis, un rincón apícola e unha mesa con distintos tipos de meles

Parte da mostra '1000 e 1 abellas esenciais para a vida'
Parte da mostra '1000 e 1 abellas esenciais para a vida' / Concello de Sanxenxo

Este luns inaugurábase a exposición "1000 e 1 abellas esenciais para a vida" na entrada do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.

Escolares da Florida acudían a esta apertura e recibiron unha charla na que se trataba a importancia das abellas para a agricultura, a paisaxe e a biodiversidade.

A través de 14 paneis e un recuncho apícola integrado por unha colmea antiga; unha moderna; mostrario de ferramentas apícolas; abellas decorativas; flores, plantas; e un manequín con traxe de apicultor obsérvase a importancia destes insectos.

Ademais tamén se mostran meles de distintas procedencias e elementos que se derivan deste produto.

No planeta habitan máis de 20.000 especies de abellas, mil na península Ibérica, pero a máis coñecida é a denominada "abella do mel" (Apis mellifera).

A mostra alerta tamén sobre o alarmante descenso de poboacións de insectos polinizadores silvestres e tamén das abellas domésticas. Especies invasoras, agricultora industrial, contaminación, cambio climático e enfermidades provocan este problema.

Esta mostra, organizada pola Fundación Osíxeno en colaboración con Ecoembes, a través do proxecto Reciclos e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, permanecerá aberta ata o venres 28 de xuño.