Ata o próximo 13 de xullo poderá visitarse na Escola de Cantería de Galicia a mostra O miliario das arxinas, unha exposición que recolle os traballos de fin de curso do alumnado de pedra natural da escola, que desde este curso é centro integrado de FP.
Esta iniciativa ten unha forte carga simbólica de lembranza dos últimos canteiros da vella escola, que deixan a súa pegada para que o seu legado perdure no tempo.
Así, cada estudante estampou no miliario a súa sinatura como marca de oficio e símbolo de continuidade, convidando ás futuras xeracións a facer o mesmo.
O nome 'miliario das arxinas' representa ademais a antiga tradición romana de situar columnas cilíndricas nas vías para sinalizar as distancias.
A mostra foi visitada este venres polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, que felicitou o estudantado polo nivel técnico e artístico das pezas, todas elaboradas en granito.

Rodríguez destacou que esta escola "é un exemplo de como tradición e vangarda poden convivir para formar profesionais altamente cualificados".
Este curso escolar foi un fito para a Escola de Cantería, que pasou a ser centro integrado de FP, recoñecendo oficialmente os seus estudos e permitindo que persoas tituladas en anos anteriores poidan acreditar a súa experiencia profesional.
Para o curso 2025-2026, o CIFP Cantería de Galicia ofertará catro titulacións de alta especialización cun total de 96 prazas.
Será un "salto cualitativo" que segundo o conselleiro, "contribuirá a recuperar e consolidar a cantería como unha profesión con futuro e con identidade propia".
O centro conta cos ciclos de alta especialización en pedra natural, FP básica en reforma e mantemento de edificios e FP dual intensiva nas especialidades de construción, proxectos de edificación e o novo ciclo medio dual intensivo de escavacións e sondaxes.
Trátase de itinerarios formativos deseñados en coordinación co sector produtivo, para dar resposta a perfís técnicos moi demandados e mellorar a empregabilidade do alumnado.