Rituals Cosmetics Ibérica, empresa especializada en cosmética para o corpo e o fogar e que opera baixo o nome comercial Rituals, botará o peche en Pontevedra en dúas semanas.
O peche está previsto para o 5 de xullo. Aínda que non está anunciado nin en cartelaría nin de ningún xeito na propia tenda, a decisión é xa firme e a data, inamovible.
Así o confirman a PontevedraViva persoas próximas ao negocio, que indican que o peche afecta a catro traballadores.
Na tenda pontevedresa traballan tres mulleres e un home e, segundo estas mesmas fontes, nestes momentos están en negociacións coa cadea para unha posible recolocación.
Así, a cadea ten unha tenda no centro comercial Marineda da Coruña e outra no centro comercial Gran Vía de Vigo.
Esas conversacións están enfocadas a poder derivar aos traballadores a eses negocios, aínda que, en principio, non habería opción de recolocalos a todos, de modo que algún quedaría na rúa.
Especializada en rituais corporais, faciais, fogar, perfumes, maquillaxe, cabelo, tés e roupa de ioga e fogar, desde a contorna do negocio indican que si ten clientela en Pontevedra, pero todo apunta a que na decisión de peche tivo un gran impacto o prezo do aluguer en plena 'milla de ouro' da cidade.
Esta tenda abriu no número 31 de Benito Corbal no ano 2019, no local que anos atrás ocupara a tenda Uterqüe, da multinacional Inditex.