Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita para toda a familia: as croquetas. Nesta ocasión, Conservas Pescamar proponnos unha elaboración con atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar unhas deliciosas Minicroquetas de atún claro Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes (para 4 persoas):
- 3 latas de Atún claro en aceite de oliva Pescamar
- 80 g de fariña
- 240 ml de leite
- 2 ovos
- 40 g de manteiga
- Pan relado
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
Preparación:
Poñemos un cazo no lume coa manteiga para que se derreta. Botamos a fariña e imos mesturando coa manteiga. Engadimos leite aos poucos mentres se vai formando a masa.
Esmigallamos as tres latas de Atún claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorridas. Engadimos á mestura e imos dando voltas.
Mentres, nun cazo con auga fervendo, faise un ovo durante 10 minutos ata que estea duro, déixase arrefriar, pélase e faise picado.
Engadimos á mestura o ovo picado e un pouco de sal. Se nos resulta difícil ligar ben os compoñentes, podemos usar o batedor a baixa velocidade.
Dispoñemos a masa sobre unha fonte e deixamos arrefriar.
Tomamos pequenas porcións da masa cunha culler e formamos a man as croquetas en forma de bólas. A continuación, pasámolas polo ovo batido e o pan relado.
Fritimos as croquetas en aceite abundante e ben quente ata que queden douradas.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.