Unha mochila chea de material didáctico para que os nenos e nenas de Sanxenxo se poidan educar en materia de igualdade. Así é o proxecto que acaba de poñer en marcha o Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo.
Entregarase unha mochila viaxeira aos centros escolares do municipio para que vaia de casa en casa, de forma que dunha maneira lúdica e voluntaria os rapaces poidan aprender en familia.
Así, cada mochila estará composta por o libro O meniño Nito ou Nera a Ferreira, o conto Sete rompecontos para sete noites, o DVD da película Billy Elliot, o caderno de traballo Somos iguais, medremos iguais e un libro para toda a familia, Máis aló do azul e do rosa, de Ana Torres Jack.
Cada neno levará unha mochila á súa casa polo prazo dunha semana, tras a que a devolverá para que poida viaxar con outra familia.
O caderno de traballo será diferente para cada viaxe, polo que haberá que devolvelo cumprimentado. E, no diario de experiencias, poderanse plasmar impresións, opinións, desexos ou suxestións propias, ademais de poder ler o que outras familias escribiron antes.
Esta actividade está encadrada dentro da área 3 do IV Plan de Igualdade recentemente aprobado. Este apartado busca promover a inclusión de valores educativos e culturais igualitarios na cidadanía.
"Só a través da educación dende a infancia pode sementarse a conciencia de igualdade de dereitos e obrigacións entre homes e mulleres, que erradique prexuízos e violencia de xénero para así poder construír unha nova sociedade entre todos", apuntou Silvia Freire, concelleira de Servizos Sociais.